Hoxe espertei melancólica e reflexiva. Peiteándome fronte o espello, tiven a sensación de que os meus cabelos se volvían verdes ramiños de arraián. Fermosa visión. De seguida, unha serie de imaxes sen orde cronolóxica, arrastradas polo vento das lembranzas pasaron fronte a min; e vin reflectidos no espello momentos de beleza, música e lodos que me marcaron de por vida: os lirios de Van Gogh, Chaikovski, a levidade, a audacia artística de Rudolf Nuryev nos escenarios, a sofisticación musical e verbal dos Beatles, a revolución punk, o movemento hippie; os efectos nefastos da Talidomida, os asasinatos de Kenedy e Martin Luther King, E toda unha serie de desordes mentais que propiciaron holocaustos ao longo do tempo. Os orfanatos da Romanía de Ceausesco, a agonía de Ruanda, os conflictos de Belfast. As mareas negras… Se tivese que quedar con algunha destas imaxes, escollería os lirios de Vicent. E de fondo, a música dunha balada dos Beatles, as notas debullándose coma unha choiva de diamantes sobre ese púcaro de flores moradas. E poría sen dubidar a “beatlemanía” ao servizo da “Van Goghmanía. Miles de adolescentes histéricas berrando ante a beleza do cadro dos lirios, postas de xeonllos ante esa árbore que brilla e trema coma un candelabro aceso contra a azul densidade de fondo que inventou o pintor, xa que Van Gogh, coa súa rebeldía el, co seu sombreiro de palla e o sol na fronte el, colgándose da lúa cos pinceis, adiantouse no tempo ao movemento hippie e a todos os seus fans.