Ovellas na néboa

Categoría: Opinión

Non, se vai ser iso, que a culpa de todo a teñen nosos pais. Eles, nosos avós, nosos tataravós e canta xeración nos precedeu e nos entregou esta cántiga. A cousa esa de que hai que ser boa persoa e facer ben as cousas. E que hai que ser honrado e estudar e esforzarse. E que o que é bo e educado acada a súa recompensa e toda esa leria que agora dáme que é pura mentira.

E os culpables, repito, son nosos pais, que se cansaron de dicirnos que había que ter modelos a elixir, heroes, e por iso nos chantaron perante do televisor, para que aprendésemos que só o bo gaña, por iso conquista a princesa; e que os vaqueiros sempre lle gañan aos indios; e que o poli sempre remata collendo o ladrón e que o valente, o que ten razón, sempre acaba por conseguir todo o que quere.

Escoitas ou les as noticias, saes á rúa e decátaste deseguida que é mentira, que hogano, para conseguir cousas, mesmo para que te escoiten, hai que ser maleducado, un algo hipócrita e mentireiro. Son estes os que conseguen que os atendan axiña nos bancos, nas oficinas públicas; os que conseguen que lles devolvan os cartos e lles solucionen os problemas decontado. Mentres, os educados, os que agardamos na cola, os que procuramos explicar con toda educación un problema, nos toman o pelo.

Mais o peor é que despois de saber que non é verdade, seguimos a cantarlle a mesma cantarela os nosos fillos; que hai que ser bo, que hai que ser honrado e aplicado, amable e respectuoso. Que a conduta individual segue unhas normas e a colectiva outras.

Se o pensan ben, talvez este sexa o problema de todos os problemas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email