Faleceu Olga Gallego

Categoría: Nova

O domingo soterramos en Ourense, no cimiterio de San Francisco, onde repousan tamén os restos de Ramón Otero Pedrayo e de Eduardo Blanco Amor, a Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923), exdirectora do arquivo histórico de Ourense, membro da Real Academia Galega e dos padroados da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Penzol. Entre os últimos recoñecementos que recibiu en vida, outorgóuselle en 2008 o Premio Trasalba e dous anos antes, en 2006, a medalla Castelao e a homenaxe dos arquiveiros de España.
A súa achega á arquivística e ao documentalismo foi recoñecida dentro e fóra de Galicia, así coma o seu importante labor a prol da organización do patrimonio da memoria histórica, con achegas moi diversas en arquivos locais e provinciais, monografías cualificadas coma o catálogo do "Catastro del Marqués da Ensenada na provincia de Ourense", entre outras publicacións e guías para investigadores. En 1994 foi presidenta de ANABAD-Galicia. Dende 1990 presidía tamén o Grupo Marcelo Macías.
O seu traballo a prol da cultura galega e do patrimonio documental do galeguismo foi constante e xeneroso. Cando Fermín Penzol entregou a Editorial Galaxia os importantes fondos bibliográficos e documentais que constituirían en 1963 a Fundación que leva o seu nome, Olga Gallego, entón directora do Arquivo da Delegación da Facenda de Vigo, asumiu a catalogación dos mesmos dirixindo un equipo ao que, con posterioridade, se incorporaría tamén Pedro López, na actualidade catedrático na Facultade de Biblioteconomía da Universidade da Coruña.
Dirixía entón a Fundación Penzol, Francisco Fernández del Riego, e Olga Gallego colaborou e participou durante todos estes anos co Padroado da mesma, do que formou parte ata o seu falecemento. Discípula de Xesús Ferro Couselo, ao que sucedeu en 1969 na dirección do Arquito Histórico Provincial de Ourense, a súa figura considérase capital na arquivística galega e na formación das promocións profesionais que hoxe asumen a dirección do patrimonio documental de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email