Hoxe, "Begoñísima"

Categoría: Nova

Hoxe é día para lembrar a Begoña Caamaño. Os actos concentraranse en Santiago e gravitarán arredor de dous actos nos que tamén se presentarán dous libros sobre a obra desta autora feminista e activista social que entendía a literatura, tamén, como acción e cambio. Por algo ela definicía a súa obra como feminista e antipatriarcal, e así se reflicte nos dous libros publicados en Galaxia, 'Morgana en Esmelle' e 'Circe ou o pracer do azul'.

Por unha banda e baixo o nome de "Begoñísima", máis dunha trintena de persoeiros do mundo das artes escénicas, música, literatura, creación videográfica e comunicación reuniranse nos dous actos planificados para esta xornada.
O primeiro terá lugar no local da Fundación Eugenio Granell ás 17.30 horas, e consistirá nunha mesa redonda sobre a "sororidade".
O segundo acto será no Teatro Principal de Santiago ás 20.30 horas. Artistas coma Uxía, Mercedes Peón ou Habelas Hainas porán música a este acto que, entre outras actividades acollerá as intervencións de Aldaolado, das escritoras María Xosé Queizán e Carmen Panero.
Asemade, contará coa participación de compañeiras e amigas da xornalista e cunha presentación de dous libros ao redor da súa obra titulado "O libro das Amigas", no que 22 mulleres lembran á autora, e "Circes e Morganas. Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño", con textos de 25 escritoras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email