Hoxe celebrouse, ás 11:00 h, no Auditorio Municipal “Gustavo Freire” de Lugo, a presentación do libro colectivo Libres e vivas, ante o alumnado de 4 da ESO e 1º de B.A.C de catro institutos da cidade lucense.
No acto, participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso; Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia; e as autoras María López Sández e María Xosé Porteiro.
Cada unha das alumnas e e alumnos recibirán un exemplar do libro para axudar, a través do volume e as historias que contén, a loitar contra a violencia de xénero en prol dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
O Concello de Lugo e a Editorial Galaxia apostan por esta loita a través dunha campaña, que incide na necesidade de avanzar na igualdade e no rexeitamento de todas as opresións machistas. O obxectivo principal é o de lanzar unha mensaxe de concienciación sobre a necesidade de erradicar conductas e violencias machistas desde idades temperás, así como dar a coñecer os recursos de prevención que están a disposición das mulleres.
Libres e vivas aborda a cuestión do machismo, do terrorismo patriarcal contra as mulleres, da liberdade, da Igualdade… é o resultado do traballo e talento de dez autoras de primeiro nivel, das nosas letras, que abordan esta cuestión dende a literatura e a liberdade.
Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeaguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira son as encargadas de representar, dende o seu sentir, a realidade que asolaga a sociedade.