María Alonso Alonso publica, na colección Hoxeéhoxe de Editorial Galaxia, Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres. Un libro que recolle as experiencias de todas aquelas que marcharon forzadas por unha crise, ou crises, que nada teñen que ver con elas.
Aida Alonso Iglesias (Estados Unidos), Ana González Chouciño (Edimburgo), Sara Estévez Fernández (Berlín), Maika Arias López (Lausana), Rocío Hernández Arias (Varanasi), María Golpe Varela (Dublín), María Touceda González (Kiel), Marian Ferro Barreiro (São Paulo), Ana Garrido González (Varsovia), Andrea González Rodríguez (Bruxelas), Lara Fernández Díaz (París), Eva Figueroa Pérez (Las Palmas de Gran Canaria), son as protagonistas desta diáspora galega. Uns relatos que reinterpretan o concepto de fogar e amosan unha valoración diferente do sentimento de pertenza.
O termo “diáspora” non fai simplemente referencia ao movemento de persoas dun lugar a outro, senón que é unha maneira de concibir a vida e as novas sinerxías xeográficas globais.
Os datos oficiais ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística indican que máis de 300.000 persoas abandonaron Galicia na última década. No ano 2019, último ano recollido nestas estatísticas antes da pandemia, o número de mulleres emigrantes superou o de homes, algo que tamén aconteceu en 2016, adianta María Alonso Alonso no limiar do libro. Contextualiza a realidade destas mulleres para logo ofrecernos o testimonio de cada unha delas en primeira persoa.
Os testemuños das mulleres que aquí participan abordan temas relacionados cos sentimentos de pertenza e de desarraigamento, a idea de fogar, o concepto de tránsito ou o do regreso imposible. As historias que dan forma a este libro son historias dispares condicionadas por variadas causas e con diferentes resultados, historias de superación e de frustración, en moitos casos, que quedarán como memoria oral dunha xeración e dunha época.
A nova diáspora galega contada por mulleres é un libro que quedará como memoria oral dunha xeración e dunha época á que non é preciso agardar a ter máis distancia histórica para abordar.