Xa está aquí o noso Samaín…

Categoría: Nova

Esta fin de semana celebramos o Samaín, unha das noites máis especiais do ano, ateigada de misterios, lendas e historias. Unha festividade cargada de personalidade propia na que a maxia é a protagonista.
Nestas datas nas que as escolas, as casas e escaparates se enchen de calacús e de arañeiras, recomendamos a lectura do álbum O noso samaín, de Loretta Birott Bermejo, para gozar e manter o espírito desta fecunda tradición. Unha efeméride que está relacionada co nacemento do outono, o magosto e co Día dos Fieis Defuntos, baseada na tradición de tallar cabazas, que eran deixadas nos camiños para asustar ós camiñantes.
Neste libro fermosamente ilustrado por Nuria Valdeón Balsas, se nos convida a coñecer máis de preto esta fantástica celebración, onde case todo pode acontecer. Unha iniciativa fabulosa para que os cativos comprendan a diferencia entre o noso Samaín e o Halloween norteamericano.
Defender O NOSO SAMAÍN… esa é a premisa que moveu a Loretta Birott e á Editorial Galaxia a publicar este libro. Un traballo que busca explicarlle ás nenas e nenos de Galicia a fecunda tradición galega relacionada co nacemento do outono e crenzas que veñen de hai moitísimos séculos, tantos como ten o noso pobo milenario.
Cremos que é fundamental que a cativada galega saiba que a tradición dos calacús e do contacto entre os mortos e os vivos é, tamén, galega, que se chama Samaín e que leva celebrándose na nosa terra, dende sempre. Unha xeitosa maneira de achegarse a esta tradición nun relato sinxelo, poético e cargado de historias.

Comparte nas túas redes sociais ou por email