“As receitas de Xiana”, para lamber os dedos!

Categoría: Nova

Na Editorial Galaxia publicamos As receitas de Xiana, un fabuloso libro de cociña, de Xiana Pérez. Nel amosa receitas sinxelas e saborosas para que todas as persoas que non cociñen se animen e as que xa o fan atopen ideas novas.
A autora fixo unha escolma de receitas sinxelas, que abranguen pratos con ingredientes tradicionais, ata todo o contrario. Nesta selección de receitas podemos atopar dende peixe mariñado, sobremesas veganas ata fariñas “exóticas”…  para todos os gustos, a través da cal poderemos aprender a facer calquera tipo de comida.
A cociña axuda á relaxación, a facer un paréntesis na rutina, para dedicarse, íntegramente, a unha actividade entretida; abre e exercita a mente, sendo unha oportunidade para acceder a todo tipo de lugares, dando a coñecer os pratos e produtos típicos de cada territorio. Tamén estimula a creatividade, combinando ingredientes e técnicas diversas.
Todo isto sábeo a nosa autora, Xiana Pérez, que foi probando cousas novas e fedellando en receitas alleas durante moitos anos. Unha afección coa que goza, e que reflicte nos seus pratos, pois son o resultado de ir ensaiando e exercitando a creatividade a través da comida, en diferentes momentos da súa vida.
En 2013 comezou a subir as receitas ao seu blogue, e este libro é o resultado dunha morea de versións de pratos, das suxestións dos lectores e da experiencia que foi collendo durante todo o proceso.
Neste exemplar podedes atopar entrantes tan saborosos como o cebiche de lagostinos, manga e aguacate; ou os petiscos de coliflor. Tamén hai pratos principais para lamber os dedos, como as barcas de cabaciña con queixo San Simón; a lasaña rápida con grelos; ou outros de tipo vegano, como o brócoli con cuscús, pasas e noces; ou o revolto de verduras, tofu e sésamo torrado.
Para rematar con bo sabor de boca, na sección de doces e sobremesas, atoparedes palmeiriñas veganas, galletas de millo á moda brasileira ou torta de queixo do cebreiro. Son só algúns dos exemplos de todas as delicias que atesoura esta escolma.
Un antídoto perfecto para os tempos de présas e inmediatez nos que vivimos, pois facer cousas coas mans e compartilas cos seres queridos é unha das mellores experiencias que pode haber.
E ti, a que esperas para probar todas estas receitas? Para lamber os dedos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email