Os Premios da Cultura Galega recoñecen a traxectoria de Bernardino Graña

Categoría: Nova

O escritor Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) é a personalidade distinguida na categoría de Letras dos Premios da Cultura Galega 2021. O xurado, reunido esta mañá, recoñece a traxectoria do escritor. Os galardóns tamén premiaron nas demais categorías a Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, ‘Dígocho eu’, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.
Bernardino Graña é autor dunha ampla obra que abrangue distintos xéneros. Como poeta, os seus primeiros versos viron a luz na revista Alba, de cuxo consello de redacción pasou a formar parte no ano 1952. Participou tamén como articulista en La Noche Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto, en Madrid, e foi impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Da súa produción poética pódense salientar títulos como Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes… (1980), ou Sen sombra e sen amor (2004). Tamén é autor de novelas, entre as últimas están A fuga a Exipto (2016) e O neno mariñeiro (2017). Sen dúbida, é á literatura infantil e xuvenil á que ten dedicado os seus maiores esforzos, cunha produción que supera os vinte títulos, entre os que se atopan: O león e o paxaro rebelde (1969), O gaiteiro e o Rato Pérez (1994), Contra o león covarde (1995), Larpancia saborosa do lobo e a raposa (2010), Tragaxán e Tragadiño (2016), ou Lobísimo do saco. Tres titiritadas (2019).
Membro da Real Academia Galega, foi distinguido ao longo da súa traxectoria con numerosos galardóns como o Premio Abrente, o Pedrón de Ouro, o Premio Estornela de Teatro, o Premio Merlín, o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago e o Premio Eixo Atlántico de narrativa.
No ano 1971 foi impulsor do primeiro intento de formar un centro PEN Galicia canda Eduardo Blanco Amor e outros autores, e máis adiante sería presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email