Para entender quen somos

Categoría: Nova

Hai uns días, anunciaban na prensa que o libro gañador do Premio Blanco Amor 2019, Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga, vén de sumar un galardón máis á súa traxectoria, o Premio Nacional de Narrativa. Un prestixioso recoñecemento que pon en valor a gran calidade da nosa literatura máis aló das fronteiras xeográficas e lingüísticas.
Precisamente de fronteiras fala este libro, das que nos separan dos nosos seres queridos, física e psicoloxicamente, cando a necesidade é máis grande e o esforzo da loita, imprescindible. Xesús Fraga amosa a historia da súa avoa Virtudes, unha muller que representa a historia de moitas valentes que, en tempos hostís, tiveron que sacar a familia adiante, a través de afouteza e tesón.
Xesús Fraga constrúe unha obra que se centra nas vicisitudes que afrontou a súa familia, marcada pola emigración. Historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha historia que conta, rigorosamente contextualizada, dende o máis profundo respecto á memoria e dignidade dos seus.
Os fíos invisibles e as ausencias que traza a emigración están presentes en todas na biografía dos personaxes, unha historia contada dende o persoal que atravesa a Galicia enteira, unha terra na que a emigración toca en todas as casas, de maneira directa ou indirecta.
Dende o outro lado do océano, en Brasil, o escritor e xornalista Wagner G. Barreira, comezou a pescudar sobre as orixes do seu avó paterno, do que pouco sabía: era vigués, chegou ao Brasil no navío Demerara e morreu o día do bautismo do seu único fillo.
Así é como naceu o seu libro Demerara, unha novela con raíces puramente viguesas, atravesada polos fíos da aventura e o mar. O avó de Barreira, Bernardo, era un mozo galego que se criou nun orfanato en Vigo para, despois de deixar a institución en 1918, decidir embarcar no vapor Demerara camiño do Brasil. Unha viaxe sen perspectiva, na que o destino o fai compañeiro de viaxe da gripe española.
O autor fai un traballo minucioso de investigación que proporciona ao libro unha forte base histórica, mestura de realidade e ficción, que nos achega á mirada dun neto curioso que quere saber a orixe dunha parte da súa familia.
Literatura necesaria que pon de manifesto a forza e traballo incansable de toda unha xeración que se viu obrigada a partir a outras terras; Londres, Brasil, Arxentina… buscando outro porvir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email