Hoxe, hai 137 anos, nacía Kafka

Categoría: Evento

Hoxe, 3 de xullo de 2020, hai 137 anos, nacía o escritor checo Franz Kafka, en Praga. Velaquí o artífice da escrita dalgunhas das obras literarias máis importantes do século XX. Á parte da súa interesante correspondencia, é autor de obras coma O proceso, O casteloAmérica (O desaparecido) e A metamorfose. Na colección Clásicos Universais da Editorial Galaxia publicouse Un médico de aldea e Un artista da fame, dous volumes nos que se reúnen as súas Narracións Completas.
O universo narrativo de Franz Kafka sorpréndenos ao reparar en aspectos inusitados da existencia. A súa obra literaria é unha das de maior prestixio e marcou a evolución da narrativa durante todo o século XX. Un médico de aldea toma o título dun dos tres libros de relatos que Kafka publicou en vida. Neste primeiro volume das narracións completas inclúense todos os relatos, tanto os publicados por el coma os que deixou inéditos, escritos polo autor de Praga ata 1917, data na que cae enfermo de tuberculose. As narracións aparecen nesta edición ordenadas cronoloxicamente segundo o momento no que foron escritas; o lector ou lectora pode consultar a datación que xustifica esta orde nas notas finais.
Un artista da fame é o segundo volume que recolle, seguindo unha ordenación cronolóxica, as narración escritas polo autor desde 1917 ata o final da súa vida. Inclúense os maxistrais lampexos narrativos dos seus cadernos de notas, os textos cos que no verán de 1920 Kafka retoma o seu traballo literario logo do período da enfermidade e as narracións das páxinas do seu diario contemporáneas á redacción da novela O castelo. Nun incesante buligar creativo, Kafka concive fantasías sorprendentes e iluminadoras a carón de descricións precisas e paradoxais.

Comparte nas túas redes sociais ou por email