Tal día coma hoxe, un 3 de novembro de 1928, hai 94 anos, nacía, en Gres, Xosé Neira Vilas, un dos escritores máis sobranceiros do noso país.
Hoxe, a Fundación Neira Vilas celebra o día, lembrando o seu nacemento. Nas instalacións da mesma, terá lugar, ás 18:30 h, a inauguración dunha exposición coas ilustracións de Belén Rodríguez Pazo, pertencentes ao libro O cabaliño de buxo, do autor de Gres. Celebrarase unha lectura pública do mesmo, que convida a todas as persoas interesadas a participar e compartir a ledicia desta efeméride.
Nesta xuntanza, entregarase o premio Neira Vilas de Novela Curta a Álvaro Domínguez, gañador da sétima edición do certame por Cristais rotos.
A vida e obra de Neira Vilas estiveron marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir naceu o famoso Memorias dun neno labrego, un dos libros máis brillantes das letras galegas. A mestría de Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
A obra do autor permite a súa lectura desde as idades máis temperás ata o lectorado adulto. Así, recoméndanse obras como O cabaliño de buxo, Espantallo amigo, A marela Taravela, De cando o Suso foi carteiro, Cartas a Lelo, Lar, Nai, Pan, ou Co pai, para o desfrute do lectorado, que poderá continuar transitando polo resto da súa obra narrativa e poética.
Neira Vilas visitou moitos centros de ensinanza e bibliotecas nos anos que pasou en Galicia, agora son esas comunidades educativas as que o homenaxean lendo as súas obras, expoñendo os seus libros… hoxe a sociedade galega réndelle homenaxe a un home bo e xeneroso que quixo inculcar, a través da paixón, o seu amor pola nosa cultura.
Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015), foi membro da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana; autor dunha extensa obra literaria, da que cómpre salientar Memorias dun neno labrego (1961), a novela máis reeditada e traducida.