María Rei Vilas gaña o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca, na categoría literatura galega, pola súa obra Flores de ferro, Premio García Barros 2020.
O xurado do galardón impulsado desde o IES Rosalía de Castro de Santiago estivo formado por alumnado dunha decena de centros. Este ano, para seleccionar ás gañadoras e gañadores, ademais do instituto anfitrión, participaron, votando a súa obra favorita, o alumnado dos centros IES Pontepedriña, da capital galega; así como o Xulián Magariños (Negreiros), o Vilar Ponte (Lugo), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), e o Ferro Couselo (Ourense).
Os membros do xurado destacaron que a obra gañadora contén unha trama “moi complexa”, que se desenvolve en “dous espazos temporais”, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres. A novela de María Rei Vilas caracterízase por ser un retrato de mulleres loitadoras, no contexto da Guerra Civil.
Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares. Regresa á vila de Briana, no verán de 1987, co fin de recompoñer a súa identidade, á vez que afronta unha complexa realidade. Alí, atoparase con Antón, o ferreiro artista que, pechado no seu mundo, arrastra a dor e a culpa dos que non souberon ver que o mal se estendía ata que foi demasiado tarde. A visita da súa neta, Helia, vivo retrato da avoa, daralle azos para contar o que durante tantos anos calou.
María Rei Vilas (A Laracha, 1964) é profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Agra de Leborís, da súa localidade natal. Autora de libros de texto e guías didácticas relacionadas co ensino da bioloxía e a xeoloxía, Flores de ferro é a súa primeira novela.