Tras xurdir como unha estrela fulgurante no ano 1988 co hoxe lendario Baleas e Baleas, reeditado por Galaxia no 2018 co gallo do seu 3o aniversario, Luísa Castro regresa á poesía na nosa lingua con Un amor antigo que vén de saír do prelo.
Aquelas míticas baleas foron a maneira en que a poeta se despediu dun mundo, de tabernas de mariñeiros e historias de cetáceos, que deixaba atrás pero que tamén foron o seu atraque e o seu porto seguro cando estivo fóra lonxe da terra.
Agora volve a nós con Un amor antigo que é varias cousas ó mesmo tempo. Unha volta ás orixes onde a pegada do amor acode para rescatarnos, pero tamén pode ser o comezo dun vivir máis libre, sen noción ningunha do pasado. Quizabes, malia a distancia, xa no compás daquelas baleas estaba marcado o rumbo destes versos que nos lembran que amar implica esquecer, e vivir sempre comezar.
Un amor antigo é o novo comezo da súa autora, un comezo que nos asoma á vertixe das emocións e as súas contradicións, deixándonos nese limbo de extrema quietude e vitalidade total que só a morte ou o amor concitan .