Hoxe ábrese a matrícula para os novos obradoiros da Escola de Letras

Categoría: Nova

Hoxe, ás 8:00 h, ábrese o prazo de inscrición da Escola para o Obradoiro Literario con Diego Giráldez, en Vigo, e o Obradoiro Literario con Anna Figueiredo: Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas…, en Pontevedra.
Despois do grande éxito dos obradoiros que inauguraron a terceira edición da Escola, volve a estar dispoñible o prazo de matrícula para todas e todos os amantes da palabra, interesados en aprender e conectar con outros amigos das letras, asistindo a clases con algunhas das voces literarias máis importantes do panorama galego actual.
Para formalizar a matrícula é imprescindible enviar un correo electrónico a escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando:
-Nome completo da alumna/o.
-Correo electrónico.
-Número de teléfono.
-No ASUNTO e no CORPO do correo hai que sinalar o obradoiro, cidade e docente, no que se quere un matricular, por orden de preferencia.
A inscrición formalizarase por estrita orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo de cada curso. Terán preferencia as persoas que non participaron en ningún obradoiro anteriormente.
Todas aquelas persoas que non cheguen a tempo para inscribirse nos obradoiros con Diego Giráldez Anna Figueiredo, poden enviar un correo solicitando acceder á lista de agarda. En caso de baixa dalgún participante, entraremos en contacto con todas as persoas interesadas, por orde de lista, ofrecéndolles a posibilidade de acceder ao curso.
De seguido, vai a relación dos obradoiros e as cidades nas que se celebrarán. O obradoiro que se impartirá na sede da Deputación en Vigo será en horario de 18:00 a 20:00 h, agás o de Anna Figueiredo, en Pontevedra, que será de 19:00 h a 21:00 h.
OBRADOIRO LITERARIO CON DIEGO GIRÁLDEZ EN VIGO
Días: 13, 20 e 27 de setembro; 4 e 11 de outubro
Diego Giráldez naceu no Porriño en 1976. Leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo e dirixiu distintos xornais e revistas e colaborou como columnista de opinión en medios coma A Nosa Terra, A Peneira e Xornal de Galicia, e con reportaxes culturais en El País. Na actualidade escribe para o diario dixital Praza Pública e a revista Luzes e dedícase profesionalmente á comunicación corporativa. Licenciado en Historia da Arte, publicou varios traballos, que abranguen desde a arquitectura ata a historia económica. Sen renunciar á creación literaria, con vinte anos participou xunto con outros autores no poemario Baldío. Máis tarde, en 2016, saíu á luz Galería de saldos, o seu primeiro traballo literario de narrativa. Este libro de relatos valeulle o aplauso unánime de crítica e público, polo que foi elixido Autor Galego do Ano polas lectoras e lectores da revista Fervenzas Literarias. En 2010 gañou o Premio Literario de Relato Curto José Saramago. Ese mesmo ano recibiu na súa localidade de nacemento o Premio Círculo Cultura. En 2015 fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo e un ano despois gañou o prestixioso premio literario Manuel Murguía.
 
OBRADOIRO LITERARIO CON ANNA FIGUEIREDO EN PONTEVEDRA: ESCRIBIR. XÉNEROS, TÉCNICAS, TEMÁTICAS…
Días: 19 e 26 de setembro; 3, 10, 17 e 24 de outubro; 7 e 14 de novembro
Anna R. Figueiredo naceu en 1979 en Ourense. É doutora en física pola Universidade de Sheffield e leva traballando no ensino galego desde o 2019. A docencia é un xeito de ver a vida que considera nos conecta coa evolución das novas xeracións e dá unha perspectiva diferente do cotiá. Porén a súa actividade docente céntrase máis nas materias relacionadas coa matemática e coa física.
Ten colaborado en publicacións xornalísticas con artigos de opinión relacionados coa literatura e coa docencia. Entende que o pensamento racional precisa da creación para poder avanzar e por iso emprega a literatura como canle comunicadora para entender e representar o mundo, na constante dúbida que enxerga o propio proceso de diálogo. Unha teima e necesidade constate de creación e investigación que nunca abandona. Deste xeito ten participado activamente en obradoiros de innovación docente e de creación e proxección cultural como o FLIV20 (Festival virtual da literatura galega- creadora xunto con Nacho Alonso de Fervenzas literarias) e asociacións a prol da cultura e creación literaria como a AELG (Asociación de escritoras e escritores en lingua galega) da que é vicepresidenta.
A súa primeira novela Os bicos feridos, obtivo o I premio Viadutos de novela no 2018. Desde entón ten publicada a proposta divulgativa A historia cóntana as vencedoras (2019) e ten participado no libro de relatos colectivo O libro dos trens (2020). Obtivo tamén premios como o de Relato Curto de Mugardos (2014), o Quintal Literario (2014) ou o de Relato Curto Inspiraciencia (2014). Asemade ten guionizado banda deseñada para publicacións como BOOM ou BDBanda.
Dende a Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra, a partir do mes de setembro, abriremos o período de inscrición para o derradeiro curso desta edición, con Elvira Ribeiro Tobío. Anunciaremos as datas de matriculación dos mesmos a través da nosa páxina web e redes sociais.
OBRADOIRO DE POESÍA CON ELVIRA RIBEIRO EN PONTEVEDRA
Días: 18 e 25 de outubro
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email