A Asociación Fotográfica e Cultural Olladas de Moaña rende homenaxe á figura de Domingo Villar cunha exposición fotográfica. O tema da mostra, realizada coa colaboración do Concello de Moaña, serán os escenarios da parroquia de Tirán nos que o escritor vigués situou parte da súa novela “O último barco” (Editorial Galaxia, 2019).

O martes 2 de agosto, celebrarase, ás 19 h, a inauguración da exposición, que leva por título “Moaña colle o último barco. Homenaxe a Domingo Villar”. Permanecerá aberta do 2 ao 7 de agosto, no Alto da Praza de Abastos de Moaña, en horario de 19:00 a 22:00 de luns a venres e de 11:00 a 14:00 e 19:00 a 22:00 o sábado e o domingo.

Contará coa presenza da Alcaldesa do Concello de Moaña, Leticia Santos, Elena Palacios, Xefa de Prensa de Ediciones Siruela, e Francisco Castro, Director Xeral de Editorial Galaxia.

Doce dos asociados darán a súa visión de lugares como a igrexa románica de San Xoán, o Mirador da Mona ou a praia de Videira e as imaxes relaciónanse con citas da propia novela, a terceira e derradeira das protagonizadas polo inspector Leo Caldas.

Na obra “O último barco”, a desaparición de Mónica Andrade, filla dun eminente médico, leva a Leo Caldas e ao seu acompañante o aragonés Rafael Estévez á parroquia moañesa de Tirán, na península do Morrazo, onde vivía a rapaza. Alí, os policías comezan as súas investigacións mentres as mariscadoras restrelan na area, os mariñeiros lanzan os seus aparellos á agua e os que van a traballar á cidade agardan no peirao a chegada do barco que cruza cada media hora a ría.

©Fotografía: Pablo Vázquez Varela

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR