Un fabuloso álbum ilustrado pola artista rusa, establecida en Vigo, Sofía Venzel, que pode lerse do dereito e do revés.
Elvira Ribeiro Tobío volve a sorprender de novo cunha orixinalísima proposta. Despois de agasallar ao público con “Mar de mazá”, ilustrada por Begoña G. Arce, obra gañadora do Premio Follas Novas na categoría de Mellor Libro Infantil 2022, selección na OEPLI 2020 e destacada na lista de Honra da revista CLIJ; chega “Lagarta, Lagarta”, un libro ilustrado pola talentosa Venzel.
A través dunhas impactantes imaxes, nas que as cores vibrantes e formas extravagantes son as protagonistas, podemos ler esta obra dende o principio ou o final, na que a cativada entrará nun xogo poético, cheo de significado. Un libro ateigado de luz e poder imaxinativo que defende a necesidade de mirar máis aló, de buscar varias lecturas nunha mesma historia, en definitiva, de desenvolver un pensamento crítico, dende as idades máis temperás.
Unha proposta necesaria que, a través da simbiose creativa entre autora e ilustradora, fai valer a voz e a liberdade feminina.
Elvira Ribeiro Tobío (Pontevedra, 1971). Para público adulto deu ao prelo “Andar ao leu” (2005), “Arxiloxa” (2005), “Biografía da Multitude” (2009), “carnia haikai” (2012), “corpos transitivos” (2013) e “Welcome to Sing Sing” (2017). No ámbito da literatura infantil, publicou os volumes “pAlAbrAs brAncAs” (2008), “As redes de Inés” (2014), a biografía da pintora Maruja Mallo na colección “Mulleres Bravas da Nosa Historia” (2017) e mais os álbums ilustrados “Ola!, son un bicho bóla!” (2019) e “Mar de mazá” (2020). Dedícase fundamentalmente á docencia e á tradución.