A Casa Galega da Cultura de Vigo acolle dende hoxe e ata o vindeiro 30 de novembro a exposición-homenaxe a Fermín Penzol, mecenas da cultura, que en 1963 constituíu o fondo bibliográfico e arquivístico máis importante do galeguismo contemporáneo. Son miles de libros, documentos, cartas, folletos, carteis, manuscritos, mapas, prensa legal e clandestina, teses de doutoramento, fotografías, ilustracións diversas, obxectos persoais, etc., que durante máis de 46 anos foron configurando un dos grandes patrimonios da cultura galega, ubicados na cidade de Vigo.
A exposición, comisariada por Maria Dolores Cabrera e Henrique Monteagudo, co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Vigo, amosa unha ampla panorámica sobre a vida e o tempo histórico de Fermín Penzol-Labandera (Sahagún de Campos, 1901-Santiago, 1981), rexistrador da propiedade, bibliófilo galeguista, que durante toda a súa vida e dende a mocidade se dedicou a reunir libros e documentos referidos á nosa cultura, dende a Idade Media aos nosos días.
Fondos de incalculable valor para o coñecemento da nosa historia contemporánea, coma os de Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Carlos Velo, Castelao, Xoán Vicente Viqueira, Villar Ponte, Rodrigues Lapa, Portela Valladares, Eladio Rodríguez González, Xaime Isla Couto, Fernández del Riego, etc., conforman o importante patrimonio da Fundación, na que se poden consultar materiais de moi variada procedencia: manuscritos e documentos medievais, cartas xeográficas, fondos empresariais, fondos de arquivos de distinta orixe e diferentes épocas, hemerografía, fondos eclesiásticos…
A Fundación Penzol constituiuse dende a súa creación como referencia obrigada para estudosos e investigadores da cultura galega, con importante proxección internacional: máis de 43.000 libros, oito coleccións completas de xornais, máis de 2.500 publicacións periódicas, arredor de 400 manuscritos, importantes referencias de fondo antigo (dende a Idade Media aos séculos XVIII e XIX) e fondo contemporáneo, con especial atención ao galeguismo do século XX e as comunidades exiliadas, casettes, partituras musicais… O seu primeiro director foi Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores de Editorial Galaxia, quen recentemente, por razóns de idade, cedeu o posto ao enxeñeiro Francisco Domínguez, membro tamén do Consello de Administración da editora.
Cando en 1963 o bibliófilo Fermín Penzol, militante galeguista, decide conformar a súa Fundación, en gran medida orientado polo seu amigo e compañeiro de partido na clandestinidade, Ramón Piñeiro, cede á Editorial Galaxia a xestión e administración dos seus fondos. Así se constitúe a Fundación Penzol, ubicada inicialmente nas dependencias da rúa Policarpo Sanz (Vigo) e agora na Casa Galega da Cultura desta cidade.
A exposición consta de paneis didácticos e informativos, nos que se fai un percorrido pola vida e a obra da fundador, así como sobre algúns dos fondos máis importantes. Nunha relación de mesas expositoras, amósanse algunhas das pezas máis valiosas aquí depositadas, ademais de obxectos persoais relacionadas con Fermín Penzol-Labandera. Completa a mostra material audiovisual e interactivo.