A saga Harry Potter acada máis de 500 millóns de libros vendidos en todo o mundo, dende que J. K. Rowling deu a coñecer, en 1997, ao mago máis famoso do mundo co seu primeiro Harry Potter e a pedra filosofal.
Despois de ser rexeitada por distintas editoriais, o fenómeno Harry Potter fíxose realidade, acadando un oco indiscutible no corazón de todas as lectoras e lectores do mundo. Un éxito total, e un fenómeno de ventas que a día de hoxe segue sendo imparable.
A saga, que está formada por sete fabulosos libros, como Harry Potter e a Cámara dos Segredos, Harry Potter e o preso de Azkaban, Harry Potter e o Cáliz de fogo, Harry Potter e a Orde do Fénix, Harry Potter e o misterio do príncipe e Harry Potter e as reliquias da morte, está publicada, en galego, pola Editorial Galaxia, en colaboración con Ediciones Salamandra de Barcelona.
Coas últimas saídas editoriais no ano 2008, Editorial Galaxia presenta en lingua galega a serie completa do popular personaxe.
Estes libros, cheos de aventuras, forman parte do imaxinario de millóns de nenas e nenas, que soñan e pensan en todo tipo de linguas. Harry Potter, que quedou orfo no momento mesmo do seu nacemento, vivía cuns tíos e un curmán que non o trataban demasiado ben. Pero un día chégalle unha carta na que se lle anuncia o seu ingreso en Hogwarts, unha especialísima escola de maxia e artes secretas. A partir dese momento todo cambia na vida de Harry, que vivirá grandes aventuras en compañía dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley. E o resto, é historia.