Laura Cid Rascado gaña o III Premio de Álbum Ilustrado “Alberte Quiñoi”

Categoría: Nova

Hoxe, na Estrada, reuniuse, na casa de Xuntas da Casa do Concello, o xurado da III edición do Premio de Álbum Ilustrado “Alberte Quiñoi”, formado por Tamara Andrés, poeta, Armando Requeixo, crítico literario, Óscar Villán, ilustrador, Carlos Loureiro, exercendo de secretario, e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.

Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por maioría conceder o III Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada “Maruchi e o gancho”, que se presentou baixo o pseudónimo “cocoo”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Laura Cid Rascado.

O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email