80 aniversario de O principiño

Categoría: Nova

O principiño está de aniversario este 6 de abril e malia os 80 anos que cumpre está tan noviño coma sempre, e segue a cativar coa maxia das súas palabras e ensinanzas a lectores e lectoras de todas as idades.

A obra de Antoine de Saint_Exupèry cos debuxos orixinais do seu autor foi traída ao galego por Carlos Casares no ano 1972, o escritor que foi director de Galaxia dende 1986 ata o seu falecemento. O libro non deixou de ser reeditado constantemente, en moitos formatos, algo que, a Casares, lle agradaría pois de todos é sabido que foi un grande coleccionista de edicións do mundo desta novela. O Principiño é, neste sentido, un dos emblemas máis importantes destes 73 anos de edición para a nosa editorial, e podemos achegarnos a el nun formato grande, en tapa dura, ou no máis popular de peto, que superan entre ambos as 20 edicións.

A día de hoxe O principiño leva vendidos preto de 200 millóns de exemplares e acada as 6650 edicións en mais de 400 linguas distintas, do crioulo haitiano ao arameo, pasando polo latín, e entre todas elas aí está tamén a nosa edición en galego. Circunstancia que a Galaxia a enche de orgullo, pois segue a ser un dos nosos libros máis vendidos, ano a ano.

Velaí a maxia deste libro marabilloso, as reflexións que nos deixa sobre a vida, a amizade, o amor, o feito de medrar…. Os seus personaxes apréndenos que é necesario convivir con respecto aos demais e a un mesmo. Nestes tempos incertos que vivimos nada mellor que volver ao Principiño e seguir algún dos seus consellos, neles atoparamos sempre consolo e sabedoría. Animádevos, abride ás súas primeiras paxinas e desvelade o misterio daquel sombreiro, que era elefante, mais tamén boa. E se algún día baixo a noite estrelada das dunas do deserto un neno se achega a vós, rise e ten os cabelos de ouro e non contesta cando lle preguntades, podedes decontado imaxinar quen pode ser… Sede amables con el, por favor.

Felices 80 anos Principiño! E grazas por tanto!

Comparte nas túas redes sociais ou por email