Gran éxito de 'Comedia Bífida' entre os escolares galegos

Categoría: Nova

Cando levamos xa varias semanas de funcionamento da campaña ideada por Galaxia e impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, 'En galego, por que non?', a primeira avaliación que podemos facer non pode ser máis positiva. Á saída dos teatros, tanto alumnas e alumnos de bacharelato, para os que vai dirixida a campaña, como os seus mestres e mestras, coinciden en sinalar a intelixencia coa que Manuel Núñez Singala soubo achegarse á cuestión dos prexuízos contra a lingua galega dende a súa obra 'Comedia Bífida' que pon sobre os escenarios, dentro da campaña, o grupo 'nobicarelo teatro' nunha divertidísima montaxe a cargo de Tero Rodríguez.
A campaña compleméntase coa entrega a todos os escolares do libro, do mesmo autor, 'En galego, por que non?' no que, dende un punto de vista puramente racional explícase, entre outras cousas, que son os prexuízos lingüísticos para, acto seguido, desmontalos. Calquera cousa que se pode dicir, pensar ou sentir en calquera outra lingua pódese facer tamén en galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email