Galaxia suma dous títulos á colección Biblioteca Neira Vilas

Categoría: Nova

Historia de emigrantes Galegos no Golfo de México, son os novos títulos que a Editorial Galaxia publica por primeira vez no seu catálogo

Neira Vilas retrata, en Historia de emigrantes, desde A Habana, notables retratos e describe paisaxes dun Buenos Aires que sempre está presente nas súas historias, tanto como na súa vida, iluminando escenas de costumes que teñen que ver cos galegos emigrados e os lugares polos que transitan. Esta obra é unha extensión do seu compromiso coa emigración galega, movemento do que foi partícipe.

Seguindo esta estela social, Galegos no Golfo de México, amosa a recompilación de diferentes fontes e en sucesivas etapas na súa estadía caribeña. O autor de Gres, elabora un relato xornalístico “a partir das experiencias dunha comunidade de emigrantes da miña terra” que se dedicou á pesca nos mares dos litorais de México, Os Estados Unidos e Cuba, que sitúa a obra “na mellor tradición do xornalismo literario galego”, en palabras de Manuel Rivas.

Este libro está conformado por dezaseis reportaxes que se asentan na forza das vidas, obras, venturas e desventuras dos personaxes que entrevistou, testemuño das sinxelas vidas duns emigrantes dedicados ao mar. “Nada máis. Pero tamén nada menos, pois trátase de vidas verdadeiras, latexantes, co seu cunco de heroísmo cotián e anónimo”, que fan de Galegos no golfo de México un dos mellores traballos do xornalismo narrativo de todos os tempos, galego e non galego.

Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.

Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email