Habelas Hainas

Categoría: Nova

Publicada na colección Costa Oeste, esta é unha novela, escrita por Esteban Folgar Brea, sobre meigas, pero non como as habituais. As bruxas desta novela non rouban nenos, non invocan diaños, non botan mal de ollo nin lle fan mal á xente… que non o merece. 

As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp, vixían que ninguén salte unhas normas determinadas e axudan a quen o pida, pero tamén discuten e se enfadan unhas veces, e bailan e van xuntas de festa outras.

En Meigas, do escritor estradense, coñecerás a Xiana, unha rapaza de 16 anos, neta de meiga, que se vai presentar ás probas de selección para tamén se converter en meiga e ocupar un dos postos no aquelarre. Pero xunto a ela hai máis candidatas que queren o mesmo, e só hai dúas prazas!

Unha lectura imprescindible para a xuventude, chea de maxia.

Esteban Folgar Brea vive e traballa na Estrada, como profesor no IES Antón Losada Diéguez, onde tamén leva a radio escolar. Non cre nas redes sociais, prefire a sidra antes que a cervexa; sae todos os días cazar pokemons, e, sempre que pode, vai pedalear na bici e bucear. 

É licenciado en Filoloxía Hispánica, Románicas, Xornalismo e Comunicación Audiovisual, o que lle serviu para traballar como profesor de español na China e Italia, e despois impartir clases de Imaxe e Son en Vigo e A Coruña.

Esta é a súa primeira novela, inspirada por unha canción de María Fumaça e saída en parte da potente imaxinación dos seus tres fillos.

Se queres contarlle que che gustou moito (ou nada) a obra, escríbelle!: esteban.folgar@edu.xunta.gal

Comparte nas túas redes sociais ou por email