Galaxia publicará 24 traducións en 2009

Categoría: Nova

Editorial Galaxia prepara a publicación das novidades de narrativa traducida doutras linguas para o galego. A nova entrega, que comeza o día 15 de outubro coa publicación de A fama, do escritor alemán Daniel Kehlmann, rematará un ano no que a editorial publicará 24 traducións, delas 11 títulos corresponden a narrativa, 7 a non narrativa e 6 a litertura infantil e xuvenil. O número de traducións que se publicarán neste 2009 practicamente duplica as 13 saídas do prelo de Galaxia no ano anterior.

Entre esas liñas de tradución abertas por Galaxia, destaca a Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, publicada en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, colección dedicada ás novidades de narrativa publicadas en Europa. Así, no mes de outubro, Daniel Kehlmann, o autor de A medición do mundo, a súa anterior e exitosa novela, tamén publicada por Galaxia, retorna ao galego con A fama, subtitulada "Novela en nove historias", na que trata dos efectos perniciosos da celebridade. A tradución é de Patricia Buxán. Nese mesmo mes sairá Neve, unha das novelas fundamentais do Nobel turco Orhan Pamuk e cuarto dos seus libros en galego. Tradución de Bartug Aykán e Maria Alonso Seisdedos.

En novembro, a Biblioteca Compostela adiantará aos lectores e lectoras galegos Os once, a nova novela de Pierre Michon, un dos grandes escritores franceses contemporáneos. A tradución da novela, realizada por Mª Dolores Torres París, vai ser publicada en galego antes de que se publique noutras linguas.

Outro dos títulos que sairán nese mes é A rolda nocturna, de Sarah Waters, coa que a escritora inglesa obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago. Tradución de Laura Almazán.

Editorial Galaxia porá o ramo a este 2009 coa publicación dos dous primeiros volumes dos Contos completos de Edgar Allan Poe. Todos os contos de Poe, traducidos por Eva Almazán, nunha edición anotada e ordenada cronoloxicamente a partir da edición canónica publicada por The Library of America.

Comparte nas túas redes sociais ou por email