Galaxia publica “Os mestres mortos daquel verán”, de Narciso de Gabriel

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia suma un novo título á colección Memoria Histórica con Os mestres mortos daquel verán, de Narciso de Gabriel.

Os principais protagonistas deste libro son dez homes e dúas mulleres. Ábrese con María Vázquez Suárez, mestra compostelá destinada en Miño, asasinada polos fascistas nunha praia deste concello o 19 de agosto de 1936, e remata con Francisco Ponzán Vidal, mestre aragonés destinado en Camelle (Camariñas), asasinado polos nazis nun bosque próximo a Toulouse o 17 de agosto de 1944. Entre unha e outro figuran Rafael Fernández Casas, Jesús Álvaro López Brenlla, Mercedes Romero Abella, Rafael Pardo Carmona e Fernando Barcia Veiras, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, Arximiro Rico Trabada, Víctor Fraiz Villanueva e Ramón Amadeo Figueroa Vilachá.

A memoria debe ser o clamor que enterre definitivamente o silencio sobre os mortos.

O autor, que inaugurou a colección Memoria Histórica de Galaxia con Vermellos e laicos, segue botando luz sobre o pasado co seu labor literario.

Narciso de Gabriel é catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña. Foi director do Departamento de Pedagoxía e Didáctica (1993-2005) e decano da Facultade de Ciencias da Educación (2005-2012). É autor de diversos traballos de investigación publicados en revistas e libros individuais e colectivos. Os seus dous últimos libros son 25 anos da UDC. A Universidade na Coruña e Ferrol (2015) e Elisa e Marcela. Amigas e amantes (2019). Recibiu os premios María Barbeito, Losada Diéguez. Concepción Arenal e da Crítica. Na actualidade dirixe Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación.

Comparte nas túas redes sociais ou por email