Grial. Revista Galega de cultura, no seu número 236, vén de sacar á luz un monográfico que, baixo o título de “A cultura galega ante os cambios educativos”, aborda un tema de interese para a nosa cultura e sociedade.
No primeiro artigo, Bieito Silva Valdivia avalía a posición do idioma galego no sistema educativo, a regulación do uso escolar das linguas e a evolución do marco normativo e as implicacións destas mudanzas para o galego. Alejandro Pérez Díez e M. Carmen Morán de Castro analizan en “Cambio climático e sistema educativo. Límites e posibilidades da LOMLOE”, a dimensión educativa da emerxencia climática, o lugar que se lle outorga nos novos currículos e, en suma, abren unha vía para comprendermos as previsibles mudanzas de sensibilidade cara ao medioambiente nas futuras xeracións. Pola súa banda, Ramón López Facal percorre as transformacións experimentadas desde o franquismo e nas sucesivas leis educativas e, recollendo iniciativas anovadoras no campo da didáctica das ciencias sociais en Galicia como o Proxecto Terra ou o traballo de colectivos como Aula Sete e Sine Nomine, pon en perspectiva e contextualiza a situación actual, “un novo escenario cheo de incertezas, mais tamén de oportunidades”. Manuel Vieites parte da análise do concepto reducionista, que tradicionalmente se empregou ao falar de “educación artística”, para perfilar toda a complexidade que encerra o achegamento a unha realidade tan heteroxénea e complexa e analiza os procesos de cambio. Así mesmo, María del Mar Lorenzo Moledo e Julia María Crespo Comesaña profundan nos aspectos metodolóxicos que se potencian na lei, e que poden propiciar unha educación contextualizada e afincada nela. Con este monográfico, Grial manifesta que a educación é cultura e que, ao tempo, a cultura se xoga na educación.
O numero completase coas seccións habituais de Historia e Memoria, Feminismos, Música, etc., onde resalta a dedicada á obra Xoán González-Millán, vinte anos despois do seu pasamento.