María Rei Vilas recibe o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca

Categoría: Nova

María Rei Vilas recibiu, na tarde de onte, o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca, na categoría literatura galega, pola súa obra Flores de ferro, Premio García Barros 2020.

 «Concebina como unha ponte entre xeracións entre a miña avoa e as miñas fillas, e agora péchase o círculo. Nunca pensei que chegara a un público tan novo porque é complexa», asegurou a autora no acto de entrega celebrado no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela.

O xurado do galardón impulsado desde o IES Rosalía de Castro de Santiago estivo formado por alumnado dunha decena de centros. Este ano, para seleccionar ás gañadoras e gañadores, ademais do instituto anfitrión, participaron, votando a súa obra favorita, o alumnado dos centros IES Pontepedriña, da capital galega; así como o Xulián Magariños (Negreiros), o Vilar Ponte (Lugo), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), e o Ferro Couselo (Ourense).

Os membros do xurado destacaron que a obra gañadora contén unha trama “moi complexa”, que se desenvolve en “dous espazos temporais”, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres.  A novela de María Rei Vilas caracterízase por ser un retrato de mulleres loitadoras, no contexto da Guerra Civil.

Comparte nas túas redes sociais ou por email