O regreso de Lois Dieguez

Categoría: Nova

Chega estes días ás librarías As voces amadas, a nova proposta literaria de Lois Dieguez tras 12 anos de silencio narrativo.

Regresa así, Lois Dieguez a casa, pois foi no ano 1968, na hoxe mítica colección Illa Nova de Galaxia, cando fixo o seu debut coa novela A torre de Babel, aquela iniciática   historia con limiar de Manuel María, en que relataba a marcha a estudiar a Madrid e súa estadía nesta cidade dun mozo galego, Daniel, dentro dos parámetros do que logo se deu en chamar a Nova Narrativa Galega, da que el foi un dos seus destacados representantes.  

Regresa polo tanto con As voces amadas unha voz narrativa que sempre estivo na vangarda das nosas letras, e faino cunha novela na que arrisca de novo, unha obra polifónica e anovadora. Como advirte o autor ao posible lector: le, pois, as personaxes para sentirte, coma eles, libre ou escravo, ou diferente, e crear saíndo das regras da propia novela ou sociedade, aquelas aventuras que sempre pensaches, as que nunca fuches quen de conseguir agarrar coas túas mans, co propio cerebro enferruxado.

Comina, en fin, Lois Dieguez, ao lector, a que viva por si mesmo, acaso de xeito distinto, estas personaxes de As voces amadas. A sexa el mesmo, ela mesma, na recreación.

Lede pois a Lois Dieguez, que é o de sempre, ou non, pero que segue entendendo a literatura como salvación e liberdade, como xeito de sentir o que os humanos podemos sufrir ou gozar por nos mesmos. Ser humanos. Ser galegos e galegas; cidadáns, así, do mundo. As vosas voces amadas, as nosas, as de todos, agardan por vós. Escoitádeas, lédeas, sentídeas. Non vos deixaran indiferentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email