Rolda de prensa arredor de “José Gil. Pontevedra provincia de cine, na orixe do cinema”, en Vigo

Categoría: Uncategorized

O martes 14 de febreiro, celebrarase, ás 12:30 h, no MARCO de Vigo, un acto que leva por título “José Gil. Pontevedra provincia de cine, na orixe do cinema”.

Intervirán, Manolo González, autor de “Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil”; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Ignacio Vilar (Vía Láctea Films); Carlos Méndez, fotógrafo; Lucía Concepción, restauradora conservadora de bens patrimoniais; e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

“Nos días encantados de agosto” é unha viaxe apaixonada na procura do ronsel esquecido do iconauta José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934. O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, o cine educativo, etnográfico e científico e tantas outras achegas do cineasta de Rubiós (As Neves) a prol da exaltación do país que tanto amaba. Un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo. Para unha historia do cinema en lingua galega.

Dende que Manolo González era o axudante adolescente do seu pai na cabina do cinema Avenida da Rúa (Ourense), viviu na mocidade fascinado e enleado polo universo cinematográfico a través da participación en varios cineclubs. Profesionalmente encetou coas primeiras experiencias de cine e vídeo nas aulas en 1982. En 1984 foi responsable da Area de Cine e Cídeo na Dirección Xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa, organizando as primeiras axudas públicas ao audiovisual galego e a posta en marcha do Arquivo da Imaxe de Galicia. Traballou nas áreas de realización e produción en curtametraxes e programas da TVG dos anos oitenta. Creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998), participou activamente na investigación e catalogación do galego e a memoria audiovisual da emigración, con publicacións e traballos de campo an Arxentina, O Uruguai, México e Cuba. Entre outros, publicou Documentos para la Historia do cine en Galicia (1970-1990), así como colaboracións en libros colectivos, folletos e artigos, nomeadamente sobre política e patrimonio audiovisual, cinema da emigración e formación audiovisual. Foi director de desenvolvemento da produtora de animación Dygra Filmes (2004-2005) e creador e director da Axencia Audiovisual Galega, da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (2005-2009) e profesor de produción na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e no MPXA (Máster de produción e xestión audiovisual), na actualidade, exerce como profesor de Historia de España e Cultura audiovisual no IES Concepción Arenal de Ferrol, mentres segue a participar no encontro de cineastas Chanfainalab en San Sadurniño (2014-2022).

Comparte nas túas redes sociais ou por email