Mañá chega a todas as librarías “O home que matou a Antía Morgade”, de Arantza Portabales

Categoría: Nova

A partir do 16 de febreiro, todas e todos os amantes da escrita de Arantza Portabales poderán mercar en todas as librarías de Galicia O home que matou a Antía Morgade, o novo caso os inspectores Abad e Barroso.

Para inaugurar esta nova entrega, Portabales presentará o libro, o xoves 16 de febreiro, ás 19:30 h, na libraría Cronopios de Santiago de Compostela.

Estará acompañada pola escritora e xornalista María Solar, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

O home que matou a Antía Morgade, presenta o reencontro, despois de vinte anos, de seis amigos que se reúnen a cear, un 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. Baixo o estrondo dos brindes e dos fogos artificiais, un disparo remata coa vida dun deles.

O inspector Santiago Abad e a subinspectora Ana Barroso terán que enfrontarse a este crime nunha nova e apaixonante investigación, e todo apunta a que é, no pasado común deses comensais, onde se atopa a chave da súa resolución. Un tempo adolescente en que eses seis amigos compartían un piso de menores tutelado e onde aconteceu unha traxedia que marcou a todos para sempre: a morte da súa compañeira Antía Morgade.

Esta será a primeira de moitas presentacións, velaquí o calendario arredor da novela, en diferentes cidades de Galicia:

  • Venres 17 de febreiro, ás 19 h. Libraría Bululú da Coruña. Acompañando a autora estarán a bibliotecaria Lorena Gómez, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
  • Martes 28 de febreiro, ás 19:30 h. Sinatura en El Corte Inglés da Coruña.
  • Mércores 1 de marzo, ás 19 h. Libraría Cronopios de Pontevedra. Acompañando a autora, estarán a xornalista Susana Pedreira, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
  • Venres 3 de marzo, ás 19:30 h. Sinatura en El Corte Inglés de Santiago de Compostela. 
  • Venres 10 de marzo, ás 19:30 h. Libraría de El Corte Inglés de Vigo. Acompañando a autora, estarán a escritora e crítica literaria, Inma López Silva, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email