“Son unha nena” engrosa a colección Feminismos de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Publicado na colección Feminismos de Editorial Galaxia, coa colaboración da Universidade de Vigo, Son unha nena. Sufrirerei discriminacións e violencia sexual?, coordinado por Yolanda Rodríguez Castro e María Lameiras Fernández, formula unha análise das diferentes formas de expresión da violencia sexual, encadrando estas experiencias ao longo da vida das mulleres, xa que en numerosas ocasións non son feitos illados, senón un continuo de múltiples violencias.

A magnitude da violencia sexual a nivel mundial vese reflectida nos datos da Organización Mundial da Saúde, onde se evidencia que unha de cada tres mulleres no mundo foi vítima de abusos físicos e/ou sexuais. Estas violencias sexuais representan un dos delitos máis invisibilizados que vulnera os dereitos fundamentais de igualdade, liberdade, integridade física e moral, converténdose na forma de violencia máis xeneralizada e menos recoñecida do mundo.

Outros títulos producidos, en colaboración coa Universidade, que alimentarán esta colección son Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, coordinado por Susana Reboreda; As cores múltiples da vida. Diversidade sexual e identidades de xénero, coordinado por María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo; Hackeamos ao patriarcado. Unha análise do machismo dixital, coordinado por Soledad Torres Guijarro; Rebeldes con causa. Voces feministas interpelando a creación cultural, coordinado por Mar Caldas e tamén Non nacemos para coidar. Como ser muller e vivir nunha sociedade patriarcal, coordinado por Iria Vázquez Silva.

Mudar esta realidade é unha responsabilidade de todas e todos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email