Galaxia presenta un 2026 ateigado de novidades

Categoría: Nova

Despois dun ano moi especial no que celebramos o 75 aniversario de Editorial Galaxia, o 2026 ábrese prometendo ser moi importante.

Este será ano Otero Pedrayo, primeiro presidente de Galaxia. Ao longo desta celebración, todo o seu catálogo renovado estará novamente á disposición do lectorado e publicarase unha edición especial do centenario da Guía de Galicia, editada e comentada polo profesor, escritor e divulgador Manuel Gago.

O 2026 será tamén o ano Begoña Caamaño, protagonista do Día das Letras Galegas. Galaxia, como a súa casa editorial, acompaña esta celebración cun ambicioso programa. Xa están na rúa as reedicións renovadas de Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, e nas próximas semanas chegarán novos volumes arredor da súa vida e obra: unha obra infantil de Iria Collazo, Begoña e o mundo do Revés, unha obra xuvenil de Paula Carballeira, Begoña Caamaño: o transgredir das ondas, unha biografía a cargo de Ana Romaní e María Xesús Nogueira, un volume de María Xosé Porteiro sobre o a Begoña xornalista, e un libro de Ramón Nicolás sobre os anos de Begoña no barrio vigués do Calvario.

No ámbito da narrativa, o ano ábrese co debut literario da poeta Tamara Andrés, Eu son de aquí e de alá, un texto hibrido entre o ensaio, a investigación literaria, a autoficción, cun fondo alento poético.

Chega tamén o regreso á narrativa dun clásico das nosas letras, Cid Cabido, con A noiva cuántica, unha novela divertida e disparatada ambientada na cidade de San Francisco.

A novela negra ten unha nova cita coas lectoras e lectores da man de Arantza Portabales, que publica Asasinato no muíño do Cura, segunda entrega da saga Os crimes de Loeiro, mantendo o pulso narrativo e a intriga que a caracterizan.

Publicamos tamén a segunda novela de Brais Lamela, tras o seu clamado debut, neste caso con A lingua estranxeira, unha novela de estética híbrida que reflexiona sobre a arte, a restitución, a violencia colonial e a linguaxe como forma de construción e, ao mesmo tempo, mecanismo de alienación da realidade.

Regresan á narrativa Luís Rey Nuñez, Premio Álvaro Cunqueiro, con Elas dúas, e Antón Riveiro Coello, con Os abandonos.

Galaxia reforza tamén a súa aposta polos novos nomes coa colección Literaria Ronsel, na que debutan Clara Medrano, Marta Boente, Alba Tomé, finalista do premio Illa Nova, e a xornalista viguesa Ana Baena.

A programación complétase cunha forte presenza de literatura infantil e xuvenil, banda deseñada, e divulgación científica. Na colección A Lanterna de Aristóteles, publicarase, entre outros títulos, un libro arredor do cerebro humano da neurocientífica Sonia Villapol.

En total, máis de 100 títulos conformarán o catálogo de Galaxia este 2026, repartidos en Ensaio, Memoria, Poesía, Teatro ou Narrativa. Un ano para ler, pensar e soñar novas lecturas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email