Ano Otero Pedrayo. O futuro comezou aquí

Categoría: Nova

En Editorial Galaxia imos vivir un ano moi especial: celebramos o Ano Otero Pedrayo, unha oportunidade para volver ler, pensar e dialogar cunha das figuras centrais da nosa cultura.

Ramón Otero Pedrayo foi novelista, ensaísta, xeógrafo, intelectual comprometido e presidente da nosa editorial ata o final da súa vida. A súa obra percorre todos os xéneros e segue a ofrecer claves para entender Galicia, a súa historia e a súa identidade.

Ao longo deste ano, desde Galaxia agardamos novidades arredor da súa figura, entre elas unha nova aproximación á súa Guía de Galicia, da man de Manuel Gago, con fotografías de José Suárez. 

Da súa obra, destacamos algúns títulos imprescindibles do noso catálogo:

Arredor de si. Pode considerarse a biografía espiritual dos homes da xeración Nós. Ramón Otero Pedrayo conta a historia dunha descuberta: a de Galicia e a súa cultura. 

Contos do camiño e da rúa. Narracións breves de enorme forza evocadora, cunha técnica moderna e unha grande capacidade para retratar unha sociedade en transformación.

O señorito da Reboraina. É a derradeira novela escrita por Otero Pedrayo e a única que publicou en galego despois da Guerra Civil.

Os camiños da vida. A historia dun século e da fin dun mundo, coa mirada posta na transformación social, económica e cultural de Galicia.

Ler a Otero Pedrayo é unha maneira de entender de onde vimos e de pensar cara a onde imos. E diso vai, tamén, este Ano Otero Pedrayo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email