Galaxia publica Non creo en máis vida ca esta, de J. Benito Fernández, traducida ao galego por Perfecto Conde.
A novela relata os últimos días dun pai ao coidado do seu fillo, un tempo de suspensión no que o narrador revisa a súa propia traxectoria vital. A escritura convértese nunha ferramenta introspectiva, nunha desgarrada purga da memoria. O texto afonda no drama humano do éxodo rural e da emigración: o desarraigamento, a saída da pobreza na procura dun soño, a desigual fortuna, o exilio e a volta como experiencia de humillación. Antes de regresar en peores ou iguais condicións, algúns preferiron morrer na indixencia na terra de acollida.
Entre a ficción e a memoria, entre a falsa novela, as falsas memorias e a autoficción, Non creo en máis vida ca esta constrúe un relato baseado en feitos reais. Un texto que mira de fronte a experiencia da perda e da emigración como expulsión do paraíso, como búsqueda dun El Dorado que rara vez existiu.
O luns 26 de xaneiro, ás 20 h, Non creo en máis vida ca esta presentarase no Club Faro de Vigo. O autor estará acompañado por Perfecto Conde, xornalista, e Manuel Rivas, escritor.