Unha infancia no Calvario para entender a voz de Begoña Caamaño

Categoría: Nova

Galaxia publica A nena que perdeu un zapato na lama. Begoña Caamaño no Calvario vigués (1964–1976), un libro de Ramón Nicolás, ilustrado por Carlos Gallego, que se afasta dos formatos máis convencionais para achegarse aos primeiros anos de vida dunha das autoras máis singulares da nosa literatura.

Este libro, publicado na colección Xohán Ledo, propón unha lectura pouco ortodoxa, como o foi a propia Begoña Caamaño, na que se mesturan memoria, biografía, historia e ficción. A través da voz de Morgana, o libro reconstrúe a infancia da escritora no barrio vigués do Calvario, un espazo fundamental no seu proceso de formación persoal e literaria, habitado polas súas xentes e polos acontecementos que deixaron pegada nas súas rúas.

A nena que perdeu un zapato na lama axuda a comprender as raíces da obra posterior de Caamaño, marcada pola atención ás voces silenciadas, pola relectura do mito e pola vontade de pensar o mundo desde outros puntos de vista. Nestra proposta, desvélanse algunhas das claves vitais e simbólicas da autora homenaxeada.

No catálogo de Galaxia, a obra de Begoña Caamaño ocupa un lugar central, con títulos que a consideraron como autora de referencia imprescindible como Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle. Este novo libro vén completar ese percorrido, ofrecendo unha oportunidade para volver á orixe e entender mellor o ronsel de talento e compromiso que deixou nas persoas que tratou e nas lectoras e lectores que seguen a descubrir a súa obra.

Un libro necesario para ler a Begoña Caamaño desde o lugar onde todo comeza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email