En Editorial Galaxia iniciamos con entusiasmo o 2026, un ano que homenaxea a Begoña Caamaño coas Letras Galegas. A súa obra segue a dialogar co presente desde a reescrita dos mitos, cunha mirada crítica, feminista e fondamente literaria.
Begoña Caamaño naceu en Vigo, en 1964, e finou en Santiago de Compostela, no 2014; foi xornalista e desenvolveu unha longa traxectoria profesional ligada á información cultural e social. Traballou nos informativos da Radio Galega desde 1989 e, con anterioridade, en Radio Popular de Vigo e Radio Noroeste. Foi correspondente en Vigo da Axencia Galega de Noticias e do xornal madrileño El Sol. Colaborou en medios como A Nosa Terra, Tempos e Novas da Galiza, así como en revistas especializadas como Festa da Palabra, Silenciada e DeLiberadaMente.
No eido literario, Begoña Caamaño deixou dúas novelas fundamentais na cultura galega:
Premiada co Premio da Crítica Española ao Mellor Libro de Narrativa, o Premio da Asociación Galega de Editores, o Premio Antón Losada Diéguez e o Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega ao Mellor Libro de Narrativa (todos no ano 2012), esta novela propón unha relectura do mito artúrico desde unha perspectiva ética e contemporánea. A chegada de Morgana á fraga de Esmelle abre unha reflexión sobre a culpa, a memoria e a responsabilidade individual e colectiva, nun relato que interroga os silencios da historia e as consecuencias das decisións tomadas.
Nesta obra, Caamaño reescribe un dos mitos centrais da cultura europea para contar o que nunca se contou: a historia de Penélope e Circe desde a voz das mulleres. A través dunha relación epistolar, a novela constrúe un diálogo íntimo e poderoso que despraza o foco do heroe masculino e pon no centro a experiencia, o desexo e a complicidade feminina.
Ao longo de 2026, Editorial Galaxia publicará novos libros arredor da figura e da obra de Begoña Caamaño, con textos asinados por María Xosé Porteiro, Iria Collazo, Ramón Nicolás, así como unha biografía escrita a catro mans por Ana Romaní e Chus Nogueira.
Un ano para volver ler, pensar e celebrar a obra dunha autora esencial.