Baixo o lema CREAR PORVIR, máis de 25.000 persoas participaron nas accións culturais desenvolvidas por toda Galicia.
Neste 2025 Editorial Galaxia recibiu distintos galardóns como o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia, a Medalla de Ouro da Universidade de Vigo ou o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, entre outros.

Editorial Galaxia pecha o ano 2025 do seu 75 aniversario (1950– 2025) co refrendo e recoñecemento á súa traxectoria, coa participación de máis de 25.000 persoas nas actividades deseñadas para esta conmemoración. Un extenso programa de actividades culturais, máis de 50, desenvolvidas ao longo de todo o territorio galego baixo o lema Crear porvir, combinou memoria, reflexión, creación e proxección de futuro.

O aniversario arrincou en xaneiro coa presentación oficial do programa Crear porvir, un acto que marcou o inicio dun ano no que a editorial promoveu exposicións, foros de pensamento, proxectos audiovisuais, iniciativas escénicas, premios literarios e accións educativas, cunha presenza continuada en salas de exposicións, librarías, auditorios, centros de ensino e espazos públicos de toda Galicia.
Entre as iniciativas centrais destacou a exposición itinerante “Crear porvir. 75º aniversario Editorial Galaxia (1950–2025)”, comisariada por Henrique Monteagudo, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, un verdadeiro desafío para presentar dun xeito ameno e rigoroso sete décadas de historia. A mostra percorreu Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, Pontevedra, A Coruña e Vigo, cidade na que estará até o 10 de xaneiro de 2026, na sala de exposicións da Sede de Afundación. Ademais, pódese gozar da visita virtual dun xeito permanente en www.maisgalaxia.gal.

No ámbito do pensamento, Galaxia impulsou os Foros GRIAL. Galicia 2050, un ciclo de encontros celebrados entre 2024 e 2025 en Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, concebidos como espazos de análise e debate arredor dos retos culturais, sociais e comunicativos do país, con mirada de futuro.
A programación incluíu tamén propostas dirixidas ao público infantil e familiar, como a función teatral “A biblioteca galáctica contra a IA fantástica”, de Carlos Labraña, interpretada pola compañía Tanxarina, con máis de vinte e cinco funcións e a participación de arredor de 5.000 asistentes en diferentes concellos galegos.

No eido editorial, a creación da Biblioteca Galaxia 75 anos permitiu recuperar dez títulos fundamentais do catálogo histórico, baixo a coordinación de Dolores Vilavedra e Patricia Arias Chachero, reafirmando o compromiso da editorial coa preservación e actualización do seu legado cultural.

O aniversario contou tamén coa estrea do documental “Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia”, dándolle voz a moitas autoras e autores que siguen a ter presenza no catálogo. Houbo tamén dúas convocatorias de premios literarios de gran relevancia, como o Premio Galaxia de Novela 75 anos, recuperado e cunha dotación de 25.000 euros, que gañou Fernando Castro Paredes con “O lanzador de coitelos” e o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, sendo a obra “Odio” de Gabriel Romero a premiada.

Na cidade das burgas celebrouse a exposición “Galaxia-Auria 75 anos despois” para salientar o especial vencello de Ourense e a súa provincia no devir da Editorial, lembremos que Ramón Otero Pedrayo foi o seu primeiro presidente. En Vigo tiveron lugar distintas presentacións, salientando a do libro para os cativos

“Unha galaxia viguesa”, de Marcos Calveiro, situando á cidade olívica como centro da trama para explicar a historia da editorial.

Ao longo deste 2025 Editorial Galaxia foi premiada con diferentes galardóns como o Premio Cunqueiriana de Honra 2025 do Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, o Premio Trasalba outorgado pola Fundación Otero Pedrayo, a Medalla de Ouro da Universidade de Vigo, o Premio Benfeito da Unión de Consumidores de Galicia e o Premio da Cultura Galega, da modalidade de Letras outorgado pola Xunta de Galicia.
Con Crear porvir, Editorial Galaxia conmemora 75 anos de historia, renovando o seu compromiso coa lingua, coa cultura e coa sociedade galega, proxectando os seus valores fundacionais na actualidade e cara ao futuro.
