O Profesor e escritor Enrique García Jiménez gaña o III Premio de ensaio “Camiño de Santiago” coa obra Apapachoa. El camino de Santiago como experiencia cima, convocado pola Academia Xacobea, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo.
O xurado, composto por Marcelino Agís, presidente da Academia, Alba Gil (Editorial Galaxia), Milagros Otero, secretaria da Academia, ª Josefa Sanz, vicepresidenta 2ª Academia, e Armando Requeixo (Centro Ramón Piñeiro); reunido onte na sede da Academia na Cidade da Cultura, destacou no ensaio a súa orixinal ollada sobre o Camiño de Santiago, percibido como un vieiro que transforma a quen o percorre, convertendo a experiencia da peregrinaxe nun “momento cumio” da biografía de cada camiñante.
A partir da súa vivencia persoal como peregrino, e dende unha técnica discursiva que ancora no epistolar, o autor combina rigor histórico, reflexión espiritual e análise crítica da sociedade contemporánea arredor da ruta xacobea, sendo quen de achegarnos esta intensa experiencia catalizada nunha voz próxima que atrapa dende as primeiras páxinas e crea un círculo de complicidades que convida a ler.
Escrito cunha prosa coidada, emotiva e chea de suxestivas imaxes, o xurado salientou a capacidade do autor para transmitir tanto o cansazo extremo das xornadas do Camiño como a incomparable emoción que encerra a chegada ao Obradoiro, convertendo estas páxinas nun convite para todas aquelas persoas que aínda non experimentaron a viaxe maior que leva a Compostela en peregrinación, un roteiro que abre o corazón e descobre os máis ocultos sendeiros interiores.
Enrique García Jiménez é licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidad de Granada (U.G.), onde se doutorou en Socioloxía. Profesor e investigador no Centro de Maxisterio La Inmaculada (U.G.). Imparte Socioloxía da Educación nos graos de Educación Infantil e Educación Primaria, sendo actualmente coordinador do Grao de Educación Infantil. As principais liñas de investigación xiran arredor da exclusión social, principalmente no ámbito penal, os mozos e as metodoloxías activas en Educación.
No plano persoal, realizou o Camiño de Santiago en tres ocasiones, considerándose un namorado do mesmo.
O autor posúe varios premios literarios a nivel nacional, ao que incorpora agora este premio de ensaio da Academia Xacobea, cuxa finalidade é promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo. A obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia.