Roberto Fernández Álvarez gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025 con “A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega”

Categoría: Nova

A obra A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, de Roberto Fernández Álvarez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse onte, día 29 de decembro de 2025, ás 10 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.

O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado pola Editorial Galaxia durante o próximo ano.

O xurado, formado por María Xosé Porteiro, Rocío Carolo, X. Amancio Liñares Giraut, Marcos Calveiro e Armando Requeixo; destacou deste ensaio a súa capacidade para achegarnos a un tema de innegable actualidade como é o da esperanza media de vida e a lonxevidade social, explicando estas realidades dende un fondo coñecemento médico especializado que afonda no bioquímico, na tecnoloxía dos alimentos e na vida saudable como guieiro procedimental mais sempre servíndose dunha prosa de calidade, fondamente discursiva e con pulo divulgativo.

Así mesmo, o xurado quixo destacar como todo este océano de saber se relaciona coa cultura socializada e as citas de autoridade literarias e artísticas, así como a fundamentación antropolóxica, filosófica e sociolóxica.

Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é un médico e escritor galego.

Como autor literario, foi distinguido no ano 2022 co Premio Blanco Amor pola súa novela A inmoral doutora Cons.

Como ensaísta, recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2017 pola súa monografía Enfermos pobres, médicos tristes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email