Luís Rei Núñez gaña o II Premio de Novela Álvaro Cunqueiro con «Elas dúas»

Categoría: Nova

Luís Rei Núñez foi o gañador do II Premio de Novela Álvaro Cunqueiro coa obra «Elas dúas». O xurado deste premio, que ten carácter bianual, estivo constituído por Ánxela Gracián, Rosalía Morlán, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, aos que se sumou como secretario con voz e sen voto Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura do Concello de Mondoñedo.

O xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao orixinal presentado baixo o lema «Escola Normal». Aberta a plica, o texto resultou titularse «Elas dúas» e ser da autoría de Luís Rei Núñez. O xurado destacou en «Elas dúas» a forza narrativa amosada para reconstruír «de xeito maxistral a Pontevedra de mediados do século XX, na que medra unha apaixonante historia de amor entre dúas mulleres que viven a súa relación alén das convencións sociais da época».

«Narrada con impecable oficio, este vívido retablo de personaxes sostén un relato no que o valor da amizade, a importancia da formación, a necesidade da raiceira familiar e, sobre todo, a luz do amor conforman un mapamundi de afectos e vivencias que converten estas páxinas nun admirable retrato do seu tempo e de todo tempo», sinalan.

O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convocan este certame coa nalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores.

Ao longo do primeiro trimestre do 2026 celebrarase en Mondoñedo a cerimonia de entrega do galardón a Luís Rei Núñez, quen recibirá entón o primeiro exemplar da obra publicada pola Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email