O pasado día 7 cumpriría 98 anos. Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega do último século, será homenaxeado esta tarde polas dúas institucións ás que dedicou grande parte da súa vida: a Fundación Penzol, que dirixiu ata poucos meses antes do seu falecemento, e a Editorial Galaxia, da que foi cofundador en 1950.
No acto participan igualmente outras institucións vencelladas á súa persoa: a Real Academia Galega, da que foi presidente entre 1997 e 2001, período no que afrontou un importante proceso de renovación, e o Consello da Cultura Galega.
A homenaxe celebrarase no Centro Social Novacaixagalicia en Vigo (Policarpo Sanz, 24-26), ás 19:30 horas, e na mesma falarán Ramón Villares Paz (presidente do Consello da Cultura Galega), Xosé Luis Méndez Ferrín (presidente da RAG), Manuel Bragado (presidente da Asociación Galega de Editores), Xosé Luis Franco Grande (académico, en representación dos primeiros seareiros da biblioteca Penzol), Malores Villanueva (filóloga, en representación das novas promocións de investigadores), Marián Vidal (directora técnica da Biblioteca e Arquivo Penzol, que durante anos traballou con Del Riego), Xesús Alonso Montero (académico), Benxamín Casal (vicepresidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia) e Alfonso Zulueta (vicepresidente da Fundación Penzol). Conducirá o acto o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.
No acto proxectarase un vídeo con fotografías e imaxes da vida de Fernández del Riego, realizado por Félix Vidal, e escoitarase un fragmento do derradeira intervención pública do homenaxeado, palabras que pronunciou co gallo da inauguración na Fundación Penzol do gabinete de Ramón Piñeiro. Tamén se ofrecerá unha copia do retrato a óleo que realizou para a Real Academia Galega o pintor Antón Pulido.
Nas últimas semanas recibíronse numerosas adhesións das que se dará conta nunha pequena publicación adxunta, cun texto da escritora Rosa Aneiros (Alba de Gloria para Fernández del Riego) e un poema do seu compañeiro de proxectos e soños, Xaime Isla Couto, presidente de Editorial Galaxia.