Francisco Castro gaña o García Barros 2007

Categoría: Nova

O xoves 12 de xullo de 2007 tivo lugar o fallo do XIX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) do Concello da Estrada, nun acto para os medios de comunicación no que unha vez aberta a plica se deu a coñecer o nome de
Francisco Castro como gañador da convocatoria deste ano 2007.

Na Estrada, ás 11.00 horas do 12 de xullo de 2007, na Sala de Xuntas da Casa do Concello, reúnense os membros do xurado nomeado pola Xunta de Goberno Local de data 23.04.2007 para escoller a novela gañadora desta XIX edición do Premio de Novela "Manuel García Barros (Ken Keirades)", cos compoñentes que de seguido se relacionan:

D Manuel Forcadela, D. Xosé Manuel Eiré Val, D. Luis Alonso Girgado, D. Carlos Lema, D. Valentín García Gómez que actúa como Secretario.

Unha vez lidos os orixinais presentados, e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por maioría, conceder o XIX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema O Señor do Outeiro. En opinión do xurado, a novela gañadora é especialmente valorable, pola presenza dun discurso narrativo orixinal e tecnicamente esixente, no que a ficción acada a tensión e a forza necesarias para construír un universo que quebra o convencional, nunha proposta novidosa de novela histórica, alén das fronteiras xenéricas.

Francisco Castro (Vigo, 1966) é un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. Traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios galegos. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas. En 2006 gaña o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam, publicada por Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email