María das Batallas. Segundo explica o autor, o título procede dun verso de Lorenzo Varela. Lemos na páxina 271: "Claro que tivo sorte a miña nai, toda a do mundo (…) Foi unha gran muller. Pero a súa gran fazaña non consistiu en lle arrear un pau a un invasor nunha arroutada, senón a batalla gañada día a día nun mundo feito para os homes á súa medida; no mundo da paz, que non no mundo da guerra; no que sempre entraron as mulleres moi ao seu pesar, por certo".
Esta idea da muller que se entrega aos combates da vida, non necesariamente nos parapetos da cidade, como nola presentan decote os seus haxiógrafos e as representacións da época (incluído o cadro de Arturo Fernández Cersa, 1889) que serve de ilustración á capa do libro, esta muller loitadora e apaixoada, fermosa e teimuda, que non se abaixa, que non se rende nunca, casada catro veces, envexada por moitos, ambiciosa e amiga dos preitos, configura o tapiz humano sobre o que Alfredo Conde constrúe o seu relato. Como contrapunto, non menos interesante, o almirante Francis Drake.
Tres voces constrúen o relato. A primeira, a do narrador. A segunda, a da filla da heroina mítica, que nos presenta un retrato certamente distinto de Maior Fernández da Cámara, que segundo aquí sabemos era coma realmente lle gustaba a María Pita que lle dixesen. Os acontecementos de maio de 1589, cando a frota do almirante inglés se presenta diante da praias da Coruña para vingar a expedición da chamada Armada Invencible, serven de pano de fondo (aínda que non exclusivo) da historia, que en realidade son polo menos dúas historias: a de Drake e a de María Pita. A coruñesa vese envolta case sen querer no protagonismo das mulleres que defenden a cidade naqueles días. Coma case sempre, os feitos que logo se contan (epicamente) non necesariamente responden á realidade exacta (aínda que tampouco teñen por que ser mentira). Velaquí o segredo e o engado do libro.
A terceira voz é a dun sobriño ou parente de Francis Drake, que narra os feitos dende o bando inglés, a bordo da embarcación "Defiance", que navega cara a Portobello cun Drake agonizante. Entre os tres narradores: o narrador anónimo, a filla de María Pita e o mariño, tecen un retábulo de acontecementos que recrean a historia das loitas das grandes potencias na Europa, na América e no Atlántico do século XVII, e entre a raíña Sabela e El-Rei Filipe II, con Galicia e a cidade da Coruña no fondo.
Narrada no rexistro que coñecemos do Alfredo Conde de Xa vai o Grifón no vento, un dos principais méritos de María das Batallas reside na perspectiva non previsible, non mítica, non heroica, da protagonista, e mais na ollada distinta que deita sobre os feitos que os narradores suxiren, coa liberdade da ficción, mais coa esixencia da documentación que permite a reconstrución imaxinada dos feitos.