Era todo un clásico o seu blogue Bouvard e Pécuchet, singular nome no que se acubillaba o crítico Manuel Rodríguez Alonso para se ocupar das novidades literarias que ían deitando nas librerías as editoriais galegas. Voz crítica e libre, verdadeiro experto en cuestións lingüísticas, destacaba pola súa lectura atenta, sempre ecuánime como corresponde a un crítico literario que queira selo.
Nado en 1952 nunha parroquia da comarca do Ribeiro, Rodríguez Alonso foi profesor de ensino medio e máis da UNED. Foi autor de ensaios como: O galego correcto (1995) ou O españolismo linguístico (Espiral Maior, 2004).
Toda a familia da Editorial Galaxia quere sumarse ao pésame á familia, amigos e, en xeral, a todo o mundo literario galego que perde unha das súas voces críticas máis importantes.
(a imaxe que acompaña a foto é a que o autor escolleu para a cabeceira do seu blogue)