Onte martes produciuse o pasamento en Compostela dun construtor de soños. Eloi Lozano, ademais de ser o fundador do Festival de Cine de Ourense, foi tamén o primeiro que rodou en 35 mm. na nosa lingua, concretamente unha adaptación da obra de Xosé Luis Méndez Ferrín, "Retorno a Tagen Ata". Entre a súa produción destacan tamén traballos como "Negra Sombra" ou, en castelán, "Las bellas durmientes", con Teresa Gimpera ou Unax Ugalde, entre outros.
Desde os anos 80 o traballo de Lozano destacou polo seu vangardismo e a súa modernidade, participando como creador en experimentos audiovisuais relacionados coa videocreación. Dalgunha maneira, Lozano estaba a principiar a construir o soño dun cinema galego con entidade de seu.
Co seu pasamento, desaparece unha voz chea de independencia e de loita que, como os nosos escritores, artistas plásticos, músicos e, en xeral, como toda a xente que fai arte en Galicia e que persegue a beleza desde a creación, soñou e quixo que todos soñaramos a través súa.