O conto como regalo

Categoría: Opinión

Cando falo do conto como regalo non me refiro ao feito de ir mercar un conto para agasallar senón que me refiro  ao “tempo do conto”.
Contar un conto a un neno/-a  é ofrecerlles un agasallo inesquecible aínda que  apenas sexa perceptible aos ollos do outro, é regalarlles  “tempo”.
Que é tempo? Pois moi sinxelo é algo que non se pode mercar.  As veces compartimos espazos pero non tempos. Podemos estar nun mesmo cuarto cos nenos/-as e non por iso dedicarlles o noso tempo porque podemos estar facendo outras tarefas.
Cando un neno escolle un conto e  o adulto abre o  libro, é coma se abrise unha caixa de regalo onde  non sempre sabemos o que imos a atopar. Comeza entón un “tempo común”, de achegamento ao outro . É coma se de súpeto o neno/-a comezase a escoitar a música dunha partitura que el non sabería descifrar. É entón, nese preciso momento, cando as letras comezan a soar, cando se construen palabras que se enlazan en frases para logo estas desaparecer, xa non son palabras , xa non son frases, son personaxes, lugares e situacións.
Cando lle dedicamos moitos “tempos comúns” aos nosos nenos/-as  chega un momento que estes buscan e reclaman os seus propios, comeza así a conquista do “tempo íntimo”, do recollemento, do descanso, do inicio da lectura primeiro como lectura de imaxes e  logo como lectura propiamente dita.
Precisamos os contos para medrar non só por fóra senón para medrar tamén por dentro. Cando un relato comeza inmediatamente se desperta a curiosidade , a curiosidade por descubrir por  achegármonos ao que non coñecemos, ao descoñecido, a un mundo diferente, as diferencias ao descubrimento do outro, ao descubrimento dos outros.
A narración produce un efecto de encantamento que sempre, sempre ten un premio, a relaxación, a distensión, é coma se, de súpeto o mundo, o espazo e o tempo se parasen e agora pídovos por favor que  non fagades ruido, que a deixedes descansar o conto xa tivo o seu efecto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email