Fin de semana de música, libros e cine

Categoría: Nova

Durante a Feira do Libro da Coruña que o vindeiro luns remata, a Editorial Galaxia tivo un protagonismo grande que vai completarse esta fin de semana, e o luns, con máis actos de presentacións de libros e concertos.
Así pois, mañá sábado, e dentro dos actos da Semana da Música Infantil que a nosa editorial produce e que enche cada día a carpa dedicada aos pequechos da casa, os coruñeses Pirilampo interpretarán, ás 20 horas, os temas do seu LUCECÚS que a tanta rapazada xa ten chegado.
Media hora máis tarde, pero na carpa das presentacións literarias, ás 20:30, presentarase a 7ª edición de FÁBULA de Xavier Alcalá, novela que vía a luz nos tempos que conduciron ao aciago 23 F do 81.
Nela trátase de amor e odio, de guerra e posguerra, fascismo e liberdade, de política e negocios, de eleccións que uns gañan e outros perden. Nesa fábula hai un grande paralelismo co que hoxe acontece.
Para falarmos diso estará o autor, Xavier Alcalá, o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e dous comentaristas, Xulio López Valcárcel e Xoán Antón Pérez Lema. O acto será conducido por
Tati Mancebo.
Finalmente, o luns, ás 21 horas, presentarase o libro-cinema de Margarita Ledo Andión, A CICATRIZ BRANCA, pola autora e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email