Festa grande en Trasalba arredor de Ramón Otero Pedrayo e a arquiveira Olga Gallego

Categoría: Nova

A Fundación Otero Pedrayo publicou o libro-homenaxe a Olga Gallego, titulado O tecido da historia, no que se fai unha ampla glosa da vida e obra da homenaxeada. Inclúese tamén un artigo inédito de Olga Gallego sobre a figura de Otero Pedrayo, a quen coñeceu e con quen mantivo unha forte relación de admiración e amizade. Amigos de Olga Gallego como o presidente da RAG. Barreiro Fernández; o vicepresidente da Fundación Penzol; Alfonso Zulueta; o director da biblioteca Penzol, Francisco Fernández del Riego; compañeiros e escritores como Xosé Luis Méndez Ferrín, Jesús de Juana, Francisco Fariña, Xulio Rodríguez González, Gabriel Quiroga, Alfonso Vázquez-Monxardín, etc., coordinados por Pablo Sánchez Ferro, colaboran na publicación.

A festa de Trasalba é unha homenaxe anual á memoria de Ramón Otero Pedrayo, na casa grande de Cimadevila, e unha homenaxe a unha personalidade vencellada coa cultura galega e coa figura histórica do autor da xeración Nós. Trátase dun espazo natural magnífico, debruzado sobre as bocarribeiras de Amoeiro, cos castiñeiros floridos no mes de san Xoán. A casa-museo está aberta durante todo ano aos visitantes.

Craig Patterson presentou nesta festa de Trasalba o seu libro O devalar da idea. Otero Pedrayo e a identidade galega, que foi primeiro tese de doutoramento e que saíu inicialmente publicada en inglés. Patterson é un dos discípulos británicos de John Rutherford, a quen o ano pasado se lle concedeu o Premio Trasalba.

Ramón Villares, vicepresidente da Fundación Otero Pedrayo e presidente do Consello da Cultura Galega, presentou o libro Galicia e Europa, no que se recolle unha conferencia que o autor de Trasalba pronunciou en Buenos Aires no ano 1959. O libro inclúe a voz de Ramón Otero Pedrayo. O acto literario clausurouse precisamente coa audición da voz do vello patriarca das letras.

Unhas trescentas persoas reuníronse despois, no souto de Cimadevila, nun xantar tradicional arredor da homenaxeada. Como tamen é tradicional, Isaac Díaz Pardo entregou a Olga Gallego un debuxo enmarcado, realizado especialmente para a ocasión, cun texto alusivo á significación do Premio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email