Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio Repsol

Categoría: Nova

Onte na refinería de Repsol da Coruña fíxose público o fallo do V Premio de Narrativa Breve Repsol. O acto estivo presidido por César Gallo Erena, Vicepresidente da Fundación Repsol; Anxo M. Lorenzo Suárez, Secretario Xeral de Política Lingüística; así como por Fina Casalderrey, voceira do Xurado.

Fina Casalderrey leu o fallo do xurado que deu como gañador o poeta e escritor Fernando Díaz-Castroverde, pola súa obra "MICROBIOS E OUTROS PAQUIDERMOS". O premio está dotado con nove mil euros e coa publicación da obra na Editorial Galaxia.

Definiu a obra gañadora como "un libro harmonioso, relacionado cos aforismos", destacando "o uso da a contundencia do breve, utilizando a retranca, ou absurdo, a transgresión e a crítica mordaz". Son microrrelatos intelixentes que levan á reflexión, conseguindo un ritmo áxil que convida a facer paradas para o lector. "É un libro para pensar", concluíu.

Trinta e nove foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa quinta edición. O galardón foi creado no 2006 pola Refinería de Repsol na Coruña e dende a pasada edición de 2010, a Fundación Repsol toma o relevo para convocar o premio contando novamente coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como de Editorial Galaxia, da Real Academia Galega e da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O xurado formado por prestixiosas personalidades das letras galegas, estivo composto por cinco membros:
– Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, tradutora e coordinadora e autora de diferentes publicacións literarias galegas.
– Darío Xohan Cabana, académico da RAG e recoñecido escritor e poeta,
– Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia.
– Xabier López López, escritor e Premio da crítica de narrativa galega 2004
– e Fina Casalderrey, escritora, gañadora de Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.

A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email